Acordo entre Priberam e imaxin|software

15/11/2011

Nova: Acordo entre Priberam e imaxin|software

Priberam e imaxin|software, empresas referentes en tecnoloxías lingüísticas da Península Ibérica, chegan a un acordo para explotar produtos e servizos de enxeñaría lingüística para todas as variantes do español de Europa e Latinoamérica e para as variantes do portugués da Europa (Galicia e Portugal), do Brasil e de Angola.

A primeira barreira que encontran as empresas españolas no seu proceso de internacionalización é o idioma, tanto a nivel oral como escrito. As empresas están internacionalizándose fundamentalmente en países emerxentes como o Brasil, na Latinoamérica, Angola, a China ou a India.

Galicia é un lugar privilexiado na Europa, ao ser a ponte natural entre o mundo que se expresa en español e o mundo que se expresa en portugués. Preto de 500 millóns de persoas falan diferentes formas destes dous idiomas.

Por estas razóns, imaxin|software, desde Galicia, e Priberam, desde Portugal, especialistas desde hai máis de 15 anos no desenvolvemento de software lingüístico con clientes tan relevantes como Microsoft, unen as súas forzas para comercializar en todo o mundo tecnoloxías lingüísticas que axuden á internacionalización das empresas: tradución automática, buscadores intelixentes, correctores ortográficos, dicionarios electrónicos, etc. A carteira de produtos das dúas empresas está especializada no español de España e Latinoamérica, o portugués de Galicia, Portugal, Brasil ou Angola, cara a e desde diferentes idiomas como o inglés, francés, alemán, chinés, etc.

imaxin|software e Priberam desenvolveron durante todos estes anos os seguintes produtos e servizos: plataformas de referencia en tradución automática como Opentrad, dicionarios electrónicos como o Priberam da Língua Portuguesa ou o Dicionario de Dicionarios histórico galego, os correctores ortográficos do portugués Galgo, FliP e Aurélio, que inclúen as variantes galega, portuguesa e brasileira, correctores gramaticales e de estilo, buscadores intelixentes de leis Legix ou o buscador semántico Priberam Search especializado en prensa.

Clientes como Microsoft, Público, Folha de São Paulo, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Complexo Hospitalario da Coruña, Instituto Cervantes, Jornal de Negócios, Sapo.pt, Porto Editora, Eroski, Deputación da Coruña, Deputación de Guipúscoa, etc. confiaron durante estes 15 anos nos produtos das nosas empresas.

Contacto:
http://www.imaxin.com
comunicacion@imaxin.com
981554068

Ligazóns

 
  • imaxin|software
  • Eleka